Bufo


Son aves grandes, só algo menores en tamaño cá aguia real. Amosan dimorfismo sexual: as femias son claramente meirandes cós machos. O tamaño e o peso dos exemplares aumentan en dirección sudoeste-nordeste.
O bufo real ten a cabeza grande con dous penachos longos de plumas que recordan unhas orellas. As orellas mantéñense normalmente cara atrás ou en diagonal cara ós lados. Ten as marcas faciais típicas dos bufos, aínda que menos marcadas cá noutras especies coma o bufo pequeno.
A cor da plumaxe é mimética. En Centroeuropa, é castaña brillante con manchas e listas escuras. O lombo é máis escuro cá zona ventral, que ten listas, é tamén a parte inferior das alas é máis clara. As distintas subespecies diferéncianse polo tamaño e pola cor de fondo da plumaxe.
O seu hábitat preferido son montañas e bosques con paredes acantiladas e áreas de rochas. Ten capacidade de adaptarse a diversos tipos de hábitats, incluíndo zonas montañosas desérticas case sen árbores, o bosque de coníferas boreal pouco mesto e zonas subtropicais. Mesmo chegan a aparecer en zonas de costa. Detectouse a súa presenza como reprodutor nalgunhas cidades europeas, coma Helsinqui, pero a persecución humana fai que, en Centroeuropa, as súas poboacións se concentren maioritariamente en zonas de bosque alpino.
O seu territorio ideal de caza sería de paisaxe variada incluíndo zonas acuáticas, árbores e zonas chas.

Alicias2e

Esta entrada foi publicada en 2º E.S.O. e etiquetada . Garda o enlace permanente.

Os comentarios están pechados.