CÉLULA

Que é unha célula?
Unidade anatómica fundamental de todos os organismos vivos, xeralmente microscópicos, formados por citoplasma, un ou varios núcleos e unha membrana que o rodea.

-Tipos de células
Segundo a súa estrutura, as células poden dividirse en dous grandes grupos:
– Células procariotas
– Células eucariotas

-CÉLULAS PROCARIOTAS
→ É a célula máis sinxela e primitiva. Este tipo de células non ten un núcleo claramente diferenciado.
→ O seu principal característica é que o material xenético está libre no citoplasma. Teñen poucos orgánulos célulares e non forman tecidos nin órganos.
→ Case sen excepción os organismos baseados en células procarioatas son unicelulares. As bacterias son un exemplo de células procariotas.

-Xeralmente presentan as seguintes partes:

1- Parede ríxida que lle dá forma.

2- Membrana plasmática que lles separa do medio onde viven e que controla o paso de substancias. Presenta unhas engurras cara ao seu interior que se denominan mesosomas. Neles realízase unha gran cantidade de actividades celulares, como fixar o ADN, realizar a respiración celular, producindo enerxía ou controlar a división da célula.

3- Citoplasma, que está cheo de auga e contén gran cantidade de substancias disoltas, pingas de lípidos ou inclusións de substancias de reserva como o amidón. No citoplasma realizarase o conxunto de reaccións químicas que lle permiten á célula sobrevivir. Isto é, o metabolismo celular.

4- Ribosomas, son os lugares onde se constrúen as proteínas

5- ADN, que é o material xenético que controla a actividade celular. O ADN atópase formando unha estrutura circular, constitúe o único cromosoma da célula. Parece nunha zona do citoplasma denominada nucleoide.

6- Plásmidos, pequenas secuencias de ADN circular extracromosómico que lle confiren á célula a capacidade de intercambiar material xenético con outras células ou resistencia fronte a antibióticos.

-CÉLULAS EUCARIOTAS

→ A célula eucariota é a célula máis evolucionada. Son máis complexas que as células procariontes.
→ Caracterízanse por ter un núcleo ben diferenciado por unha membrana nuclear e un citoplasma con numerosos orgánulos celulares.
→ A súa asociación en tecidos e órganos forma aos individuos pluricelulares. As células eucariotas poden ser animais, vexetais e fungos. Tamén os protozoos, como as amebas, que son unicelulares.

Partes da célula eucariota:

1- Membrana plasmática: formada por lípidos, proteínas e unha pequena proporción de glúcidos. Os lípidos organízanse en dúas capas e impiden o paso de calquera substancia polar. As proteínas adoitan situarse atravesando as dúas capas de lípidos creando unhas canles por onde se regula o paso de substancias. Os glúcidos só atópanse no exterior da membrana formando unha capa que pode captar información do exterior. É o límite celular, controla o paso de moléculas e recibe os estímulos producidos no medio.

2- Parede celular: é unha estrutura dura e nalgúns casos moi grosa, formada por glúcidos de tipo Polisacárido, como a celulosa. É un esqueleto externo que proporciona unha forma definida e estable á célula. Tamén impide que a célula rompa cando absorbe moita auga. Nas paredes aparecen pequenos poros para a entrada de auga, nutrientes e gases. Só aparece en células vexetais.

3- Citoplasma: atópase entre a membrana plasmática e o núcleo. Nel atópanse os orgánulos e o citoesqueleto, incluídos no hialoplasma.

a) Citoesqueleto: estrutura formada por proteínas. É o esqueleto celular .

b) Ribosomas: están formado por dous subunidades de ARN e proteínas. Serven para a construción de proteínas grazas á información fornecida polo ARN mensaxeiro.

c) Centriolos: son estruturas cilíndricas ocas formadas por microtúbulos. Organizan a construción do citoesqueleto, o fuso acromático e as estruturas do movemento, cilios e flagelos. Só aparecen en células de tipo animal.

d) Cilios e flagelos: son prolongacións filamentosas formadas por microtúbulos de proteína rodeados de membrana plasmática. Os cilios son curtos e poden aparecer cubrindo toda a superficie celular ou unha determinada zona. Os flagelos son longos e pouco numerosos. A función destas estruturas está relacionada co movemento celular ou con producir pequenas correntes para captar os nutrientes próximos.

e) Retículo endoplásmico: orgánulo formado por túbulos contorneados e vesículas aplanadas ou redondeadas. Atópanse por todo o citoplasma relacionándose entre se. A súa función consiste en sintetizar, transformar, acumular e transportar substancias. Tamén forma vesículas que darán lugar a outros orgánulos da célula. Existen dous tipos de retículo endoplásmico:

– Retículo endoplásmico rugoso, presenta aspecto rugoso por ter asociados ribosomas á membrana do orgánulo. A súa función é producir proteínas que actúen no interior dunha vesícula ou no exterior da célula.

– Retículo endoplásmico liso, sen ribosomas. A súa función é sintetizar lípidos.

f) Aparello de Golgi: está formado por sacos e vesículas que proveñen do retículo endoplásmico. En aparello de Golgi transfórmanse substancias producidas no retículo endoplásmico. Tamén se xeran vesículas que poden unirse á membrana, liberando o seu contido ao exterior, ou ben dar orixe a outros orgánulos.

g) Lisosomas: son orgánulos formados por vesículas redondeadas cheas de encimas dixestivas, que realizan a dixestión celular. Os lisosomas proveñen do aparello de Golgi.

h) Vacuolas: vesículas grandes e redondeadas. Acumulan no seu interior todo tipo de substancias, como pigmentos, substancias de reserva, de refugallo e sobre todo auga.

i) Mitocondrias: Son orgánulos grandes e ovalados, con dobre membrana. A externa é lisa, a interna presenta repregamentos denominados cristas. Preséntanse na célula en número variable pero son moi numerosas se a célula necesita consumir moita enerxía. O interior da mitocondria chámase matriz mitocondrial. Na matriz atopamos ADN circular, ARN e ribosomas, como as bacterias. Son capaces de formar proteínas e de dividirse. A función que realizan as mitocondrias é producir a maior parte da enerxía que necesita a célula, mediante procesos de oxidación de materia orgánica. Para iso, utiliza materia orgánica e osíxeno, liberando enerxía e dióxido de carbono. Este proceso denomínase respiración celular.

k) Cloroplastos: Son orgánulos propios da célula vexetal, que conteñen un pigmento verde chamado clorofila. Neles realízase a fotosíntesis, proceso polo cal as células fabrican compostos orgánicos a partir de dióxido de carbono, sales minerais e auga, utilizando a enerxía luminosa que captura a clorofila. Son grandes, con formas variadas e con dobre membrana. A externa é lisa e á interna asócianselle vesículas alongadas chamadas lamelas, sobre estas deposítanse vesículas discoidales de cor verde denominas tilacoides ou granum que conteñen pigmentos fotosintéticos.

4- O núcleo: é a estrutura característica da célula eucariota. Distínguense as seguintes partes:

a) Membrana nuclear, formada por dúas membranas que proveñen do retículo endoplásmico. Toda a superficie está salpicada de poros polos que entra e sae información.

b) Nucleoplasma, substancia similar ao hialoplasma.

c) Nucléolo, é unha zona moi densa formada por ADN, ARN e proteínas. É o lugar onde se forman os ribosomas. d) ADN ou material xenético, atópase condensado en forma de cromatina. O ADN contén a información xenética e controla a actividade celular.

Esta entrada foi publicada en 3º Bio e etiquetada . Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta